Monday 29 de April de 2024

A Xunta avanza co Goberno Central na modernización da administración da xustiza


― O director xeral de Xustiza, Juan José Martín, participou hoxe na conferencia sectorial entre o Ministerio de Xustiza e as comunidades autónomas

― Galicia recibirá dos fondos europeos preto de 4M€ para o equipamento de novas tecnoloxías nos xulgados, unha prioridade da Xunta, que rematará no vindeiro ano o proxecto de dixitalización e implantación de salas de vistas dixitais

― O Goberno galego participará en reunións periódicas co Goberno central e as outras comunidades autónomas para avanzar no proxecto da cogobernanza no ámbito da xustiza

O director xeral de Xustiza, Juan José Martín, participou hoxe en Madrid nunha reunión da conferencia sectorial entre o Ministerio de Xustiza e as comunidades autónomas, encontro que tivo lugar nas dependencias do Senado e que, entre outros asuntos, abordou cuestións que teñen que ver coa cogobernanza e a modernización na administración da xustiza.

No encontro confirmouse que Galicia recibirá preto de 4 millóns de euros dos fondos europeos para o desenvolvemento de tecnoloxías a para a súa aplicación na administración xudicial, dentro do coñecido como Proxecto Cero. O reparto dos fondos entre as comunidades autónomas fíxose en base a criterios como o número de asuntos que manexa cada xulgado ou a dimensión das súas plantas xudiciais.

A necesidade de equipar as salas xudiciais galegas forma parte das prioridades da Xunta, que puxo en marcha nos últimos anos o Plan Senda I e II e que comezará a aplicar o ano que vén o Plan Senda 21-25, cun investimento total de 50 millóns de euros para a catalogación, dixitalización e expurgo dos arquivos xudiciais, xunto coa renovación de equipamento e mobiliario dos arquivos e oficinas xudiciais. De feito, o Goberno galego completará no 2022 o proxecto de dixitalización e implantación de sistemas de videoconferencia en todos os xulgados galegos.

A Xunta, coas demais comunidades autónomas e o Goberno central, avanzaron tamén na necesidade de implantar sistemas de cogobernanza que permitan dar un servizo xudicial máis áxil e equitativo aos cidadáns. Con esa intención, acordouse un calendario de reunións periódicas para traballar, entre outras cuestións, en sistemas que permitan intercambiar información entre os diferentes partidos xudiciais independentemente da súa localización xeográfica.

O director xeral de Xustiza mostrouse favorable co acordo que se acadou para levar á conferencia sectorial de igualdade unha proposta para que as oficinas de atención ás vítimas se habiliten como centros de certificación da condición de vítima de violencia de xénero para ter acceso as axudas das distintas administracións “unha cuestión que apoiamos tendo en conta, sobre todo, que en Galicia xa estamos a facelo”.

No encontro abordáronse outras cuestións como o novo modelo organizativo do Rexistro Civil -que se está a implantar primeiro en Madrid e Barcelona e que, previsiblemente, chegará aos rexistros civís exclusivos da Coruña e Vigo o ano que vén- así como aos anteproxecto da Lei de Eficiencia Dixital e o de eficiencia organizativa, ou tamén se constituíu un grupo de traballo para elaborar protocolo de seguridade laboral común a toda a Administración de xustiza.